Repertorio Biobibliográfico Do Exilio Galego: Unha Primeira Achega
Total Page:16
File Type:pdf, Size:1020Kb
CONSELLO DA CULTURA GALEGA EDICIÓN PARA O I CONGRESO INTERNACIONAL O EXILIO GALEGO 24-29 DE SETEMBRO DE 2001 Repertorio biobibliográfico do exilio galego: Unha primeira achega NAVEGACIÓN Pinche sobre o item ó que desexa desprazarse. Presentación Nota introductoria Datos biobibliográficos Fontes de referencia Edita: © Consello da Cultura Galega Arquivo da Emigración Galega Santiago de Compostela, 2001 ISBN: 84-95415-42-9 REPERTORIO BIOBIBLIOGRÁFICO DO EXILIO GALEGO UNHA PRIMEIRA ACHEGA Presentación A finais de 1999 o Plenario do Consello da Cultura Galega, por proposta da Sección de Cultura Galega no Exterior, que daquela comezaba unha nova andaina, asumiu o compromiso de preparar un Congreso sobre O Exilio Galego, no que se involucrasen tódalas seccións da institu- ción. Aínda que nun primeiro momento se proxecta a súa celebración para decembro do ano 2000 co fin da dar continuidade ás actividades realizadas co gallo do 50º aniversario do pasamento de Castelao, finalmente a envergadura da súa organización obrigounos a pospoñelo ata setembro do presente ano. Aínda que, por suposto, non é esta a primeira vez que se aborda o tema, cremos que si o é a perspectiva globalizada e netamente galega que se lle pretende dar a este evento. O fenómeno político e social do exilio republicano provocado pola Guerra Civil, foi obxec- to de análise e de estudio a través de moitas e moi diversas publicacións. Aínda que non foi a única (1), en pleno inicio da transición, a publicación da monumental obra en seis volumes dirixida por José Luis Abellán El Exilio Español de 1939 (Madrid: Taurus, 1976-1978) provocou o interese da investigación sobre un tema que ata entón, e por razóns obvias, non puidera ser abordado aberta- mente dentro das nosas fronteiras(2). Máis adiante, durante os anos 80, xorden outras publicacións, mentres que algunhas institucións oficiais comezan a amosa-lo seu interese no asunto(3). As publi- cacións e actividades relacionadas co tema do exilio medraron con motivo da celebración do 50º aniversario en 1989(4). Nesa data, ademais doutras actividades académicas no noso país, ten lugar en San Xoan de Porto Rico un Congreso conmemorativo titulado 50 años de exilio español en Puerto Rico y el Caribe, 1939-1989, organizado por diversas institucións portorriqueñas, xunto co Instituto de Cooperación Iberoamericana español; as súas actas foron publicadas pola editorial gale- ga Ediciós do Castro, gracias á sensibilidade e xenerosidade amosada por Isaac Díaz Pardo. Xa nos anos 90, o Grupo de Estudios del Exilio Literario (GEXEL) da Universidad Autónoma de Barcelona organiza, en 1995, o I Congreso Internacional sobre El exilio literario español de 1939, e convoca, en abril de 1998, o II Congreso Internacional co nome de Les litera- tures de l’exili republicà de 1939. Organizáronse ademais outra serie de congresos en 1999, coin- cidindo cos sesenta anos do exilio; así, o importantísimo proxecto plural que foi 60 años después, coordinado por Manuel Aznar Soler, estaba formado por doce eventos (congresos e actividades paralelas) que se celebraron ó longo dese ano noutras tantas comunidades autónomas do estado, e pechouse en Colliure (Francia) a finais do mesmo ano. Alí foi anunciada a creación da Biblioteca del Exilio, un proxecto editorial moi ambicioso, que se remontaba ó ano 1953, e que finalmente comezou a funcionar no ano 2000 e no que de novo participa a editorial galega Ediciós do Castro. Desde a perspectiva concreta de Galicia, e precisamente no seo dese congreso plural, tivo lugar en Santiago (Facultade de Filoloxía da USC, marzo de 1999), a celebración dun evento baixo o título 60 anos despois. Congreso para o estudio dos escritores do exilio republicano. A maior parte das súas contribucións estaban referidas ó exilio galego, pero cun enfoque fundamentalmente literario. Por outra banda, e tamén en relación estricta co exilio galego, en datas moi recentes (xaneiro de 2001), organizado polo concello de Pontevedra e a Universidade de Vigo, xunto con outros colaboradores (A Nosa Terra, Asociación Cultural Maio Longo, CIG e Aula Castelao de Filosofía) realizouse outro congreso baixo a denominación Homenaxe ao Exilio Galego, 1936-1975. (Na lem- branza de Bibiano Osorio Tafall). Nesta ocasión prestouse atención preferente ós temas políticos. REPERTORIO BIOBIBLIOGRÁFICO DO EXILIO GALEGO UNHA PRIMEIRA ACHEGA Todas estas actividades, que merecen toda a nosa consideración, como outras que non men- cionamos por ter unha menor relación co exilio galego, contribuíron notablemente a un mellor coñecemento deste fenómeno, esquecido durante décadas, e fundamental para a historia contem- poránea de España en xeral e de Galicia en particular. E neste sentido, o Consello da Cultura Galega, como non podía ser doutro modo, ó convoca-lo congreso O Exilio Galego quere tamén con- tribuír a saldar parte da gran débeda que tódolos cidadáns temos contraída cos nosos exiliados. Así, durante a preparación do mesmo, e ó estar concibido como unha grande homenaxe ós homes e mulleres que participaron no exilio, xurdiu a iniciativa de elaborar unha base de datos coa maior cantidade posible de referencias sobre os seus integrantes. É necesario advertir que, a medida que se foi avanzando no deseño e realización do proxecto, fomos conscientes de que des- bordaba o tempo material do que dispoñiamos para levalo a cabo. Este Repertorio bio-bibliográfico do Exilio Galego: Unha primeira achega, elaborado polo Arquivo da Emigración Galega a través do bo facer de Rosa Mª López González, Carmen Luna Sellés, Silvia Facal Santiago, Gustavo Hervella García e Nancy Pérez Rey(5), está concibido como unha ferramenta de traballo, plasmando a intención de confeccionar un censo con carácter total- izador, a pesar de que somos conscientes de que non figuran tódolos nomes dos protagonistas do éxodo galego que se produciu dende 1936. Precisamente un dos obxectivos desta publicación é o de realizar un chamamento á colaboración de todos aqueles que, por seren protagonistas, teste- muños directos do mesmo por vinculacións persoais ou familiares con exiliados ou por coñece- mentos de calquera tipo acerca do fenómeno, poidan aportar referencias para unha posterior ampliación desta primeira base de datos provisoria. Modestamente, consideramos que se trata dunha iniciativa orixinal, por canto resulta se-lo primeiro intento de recompilación nominativa dos exiliados galegos, abundante en datos prosopopeicos, empregando un criterio amplo que inclúe non só ós famosos pola súa actividade política ou intelectual, senón tamén á xente menos coñecida ou totalmente ignorada, pero en definitiva igualmente partícipe do fenómeno do exilio. Este labor, sen dúbida incompleto e posiblemente discutible en canto ós criterios adoptados, non sería posible sen a colaboración inestimable de moitas persoas. Todo o noso agradecemento pois para María del Carmen Azorín Bernárdez, Ramón Bargueño, Plácido Betanzos, Carlos Bourio Villarino, María José Costa Alcalde, Ana Cruz Cuervo, Natalia Fernández, Marivel Freire, Teresa García Domínguez, Fabien Garrido, Juana Guillán Vidal, Manuel Iglesias, Pedro Lago, Rogelio Martínez Barreiro, Luis Martul Tobío, Luis Menéndez, Mónica Rebolo, J. Merino Rodríguez, Telesforo Morales Ortiz, María Luisa Pazos, Dionisio Pereira, Eliseo Fernández Fernández, Fernando Quintela Novoa, Leonardo Rey Castro, Pancho Valle-Inclán Alsina, Ana Viéitez Gómez, Elixio Villaverde e Mariví Villaverde. Todos eles ofreceron información valiosísima sobre difer- entes exiliados ou facilitaron contactos útiles para a obtención de datos. Tamén proporcionaron información e realizaron revisións críticas da base Emilio Grandío, Xosé Neira Vilas e Víctor Santidrián, así como os membros do Comité Organizador do Congreso Xesús Alonso Montero, Xosé Luís Axeitos, Marcelino Fernández Santiago, Henrique Monteagudo, Xosé Manoel Núñez Seixas e Miguel Anxo Seixas Seoane, e os integrantes do Comité Científico deste, moi especial- mente Isaac Díaz Pardo e Clara E. Lida. Unha particular mención merece por outra banda, a infor- mación subministrada por Alberto Fernández Arrieta, vasco, neno da guerra, e actual presidente do Centro Español de Moscova. REPERTORIO BIOBIBLIOGRÁFICO DO EXILIO GALEGO UNHA PRIMEIRA ACHEGA Ademais de tódalas informacións fornecidas polas persoas citadas con anterioridade foron empregados diferentes tipos de fontes bibliográficas, hemerográficas, documentais (impresas e grá- ficas) e orais, das que incluímos unha relación ó final deste Repertorio. Das primeiras, procedeuse a unha revisión sistemática de monografías e artigos científicos especializados, de temática inter- disciplinaria (historia, política, socioloxía, arte, literatura, cine, etc.) en relación co tema concreto do exilio e da emigración galega e española. Especial interese tiveron as obras biográficas, memo- rias e testemuñas en xeral dos que protagonizaron ou viviron de preto o fenómeno do exilio, así como a producción literaria dos que contaban con ela. Pola súa banda, a revisión e baleirado de fontes hemerográficas creadas polos exiliados galegos, ou contemporáneas ó fenómeno que tive- mos ó noso alcance, foi fundamental para recoller novos datos e complementar outros máis coñe- cidos. Entre as fontes documentais consultadas destacan os listados reproducidos en diversas pub- licacións, os epistolarios dos exiliados, así como a documentación gráfica de distinta procedencia, de persoas, acontecementos e fitos importantes no periplo vital de moitos deles. Por último, as fontes orais procedentes de exiliados, aínda que non moi abondosas