Abedín (Toubes, a Peroxa)
Total Page:16
File Type:pdf, Size:1020Kb
C Cabaces (Castrelo, San Xoán de Río).-- Podería ser o plural de "cabaz", sinónimo de "cabazo" (hórreo de vimbios). Cabaz tamén e un cesto dese mesmo material ou similar. Cabaleiros (San Martiño de Grou, Lobeira).-- É doado pensar que este topónimo estivese motivado por ser a residencia duns homes medievais coa condición social de cabaleiros, pero o máis probable é que faga referencia a unhas pedras "encabalgadas", é dicir, unhas a cabalo doutras, cuxo resultado sería o "cabaleiro". Tal disposición puidera ser unha estratificación caprichosa da natureza ou unha colocación á posta polo home, caso, por exemplo, de dolmens prehistóricos. E. Rivas atribúe a este topónimo e similares unha orixe metafórica asemellando a paisaxe á forma dun cabalo. A Cabalgada (Vilar de Ordelles, Esgos).-- Supoñemos que se referirá a algunha concreta cabalgada (tropa de xente a cabalo ou á súa acción de cabalgar) que sería moi sonada no seu tempo, pero da que nós non temos noticia. Cabana (O Barón, O Carballiño ║ O Barón, San Amaro)║ A Cabana (Pedrafita, A Teixeira║ Oseira, San Cristovo de Cea) ║ Cabanas (San Martiño de Berredo, A Bola)║ As Cabanas (parroq. de San Xoán de Río).-- Transparentes. De orixe gandeira ou pastoril. Lat. capanna. Cabanas de Abaixo, Cabanas de Ferro e Cabanas de Loureiro.-- Son 3 aldeas próximas e contiguas da parroq.de Faramontaos do Conc. da Merca. (V. Cabana) Cabanelas (Parroq. do Carballiño ║ Albán, Coles ║ Leirado, Quintela de Leirado).-- ‘Cabanela’ é o mesmo que ‘cabana’, pero cunha connotación diminutiva ou pexorativa. Correspóndese cos casteláns "Cabanillas". Do lat. capannellas. Cabeza de Manzaneda (Cova, A Pobra de Trives).-- A palabra "cabeza" (do lat. caput, -tis, "parte máis alta do corpo") é utilizada metaforicamente para nomear un cumio ou parte alta dun monte. O mesmo étimo deu "cabo" (promontorio marítimo). Este mesmo topónimo soe ser usado popular e comercialmente para referirse a unha coñecida estación invernal que, en realidade, está no monte chamado A Cabeza Grande. Cabeza de Vaca (lug. compartido entre as parroquias de Cabeza de Vaca -Ourense- e Piñor -Barbadás-).-- Supoñemos que o de "Cabeza" vén de altura (lat. caput, "cabezo, montículo" (Ver anterior) e que o predicado, "de Vaca", será unha evolución doutra palabra de sona parecida pero que a etimoloxía popular, ó non entendela, fíxoa concordar con "Cabeza". (Claro que ó considerar "cabeza" como un orónimo podemos estar incorrendo nun prexuízo, esquecendo a posibilidade de que realmente houbese unha formación rochosa que recordase a cabeza dunha vaca.) En Badajoz (Estremadura) hai un concello chamado "Cabeza la Vaca" do que se descoñece a razón de tal nome admitindo que puidera deberse a un primitivo habitante apelidado, precisamente, "Cabeza de Vaca" xa que, efectivamente, hai un apelido castelán e andaluz homónimo –con algún personaxe histórico-, pero que no noso caso é difícil (anque non imposible) que teña algo que ver. Tamén convén saber que 'vaca' é un hidrónimo procedente da raíz *wak-. Por España adiante hai varios ríos chamados así. Cabo (Freás, Punxín) ║ O Cabo (San Clodio, Leiro).-- Topónimo metafórico aplicando ó terreo unha condición do corpo, a cabeza. Do lat. caput, -itis¸"cabeza, parte máis alta do corpo". Cabo de Vila (Albán, Coles ║ Cabanelas, O Carballiño).-- Do lat. caput villae, "parte alta dunha poboación". (Claro que cabo tamén podería funcionar coma unha preposición. Nese caso sería "a carón de Vila".) Hai outros 12 iguais en Galicia. Cabreira (Vales, San Cristovo de Cea).-- Vén de capraria que tanto pode ser "lugar de cabras" como a pervivenza do sintagma "Villa Capraria", "Vila de Caprarius". No primeiro dos casos "lugar de cabras", en termos populares, o mesmo é aquel sitio onde abondan cabras monteses coma aqueloutro que, por accidentado e escarpado, é propio de cabras. Cabreiroá (lug. e parroq. de Verín).-- "Pequeno lugar de cabras". É unha evolución típica ourensá do sufixo diminutivo -ola. O Caprariola inicial sería capraria ("cabreira", lugar de cabras) + suf. -ola. E a evolución Caprariola > Cabreirola > Cabreiroá. … responderon aa dita carta estas personas que se segen; primeiramente, Fernán d ' Almança et Pedro de Quirogaás et Juan de Lobazes de Cabreiroaá et Aluaro Gomes de Tamageelos et Afonso Ledo, morador eno dito lugar de Paaços. Demarcación lugares. 1451. Vida e fala dos devanceiros. Cacabelo (Abavides, Trasmiras) ║ Cacabelos (Untes, Ourense ║ A Veiga, A Bola ║ A Pena, Cenlle ║ Hai polo menos outros 5 máis en toda Galicia) .-- Ven do lat *caccabellus, diminutivo de caccabus, "ola, pucheiro" e indica fondal, depresión do terreo. Existe un Cacabelos leonés (co nome formado en galego) que, segundo as leis fonéticas leonesas ou casteláns, tería que ter sido Cacabillas, como efectivamente hai un máis adiante. Cachagonza (Ponte Ambía, Baños de Molgas).-- Composto do lat. "casa" (cabana ou vila, segundo a época) e o nome propio "Guntia". Cachaldora (Cerreda, Nogueira).-- "Casa de Alduara", sendo este último un nome xermánico. Cachalvite (O Castro de Beiro, Ourense).-- Debe o seu nome a algún personaxe co nome xermánico de Alvitus. Non tiña por que ser el necesariamente xermánico, pero houbo uns séculos nos que eses nomes estaban de moda. Neste caso trataríase dunha casa, "de Alvitus". Isto en latín sería: casa Alviti. Despois da transformación do /s/ en /ch/ e da xustaposición das dúas palabras daría o Cachalvite. ║ Hai outra opinión baseada no árabe al-bayt, "casa, residencia", que propiciaría a segunda parte do topónimo. Neste caso o topónimo sería unha tautoloxía, "Casa Casa". Cachamaría (Triós, Pereiro de Aguiar).-- "Casa de María", co coñecido nome hebreo latinizado. Cachamuíña (A Lamela, O Pereiro ║ Esgos, Esgos).-- Parte de "Casa da muíña" e parece algo así como unha “casa muiñeira”. (En galego antigo a muíña era o farelo.) Pero hai outra opinión que considera 'muíña' coma un derivado do lat. tardío molina, que tería o significado de "lomba, montículo". Nese caso sería "Casa da lomba". Cacharrequille (As Chás, Montederramo).-- Casa Requilli, ou Casa de Requildi. Cachaxúas (San Miguel de Canedo, Ourense).-- Caso similar ós anteriores nos que a primeira parte reproduce o paso cacha < casa. En canto á segunda parte é unha evolución do nome persoal Iohannes. "Casa (de) Iohannes" > "Casa (de) Xoán" > Cachaxúas.║ Ás veces o elemento ‘cacha’ está presente en topónimos como unha evolución do latín serodio cappelare co significado de rozar ou desbravar un monte. Os Cachopos (O Pao, Gomesende).-- Parece un fitónimo transparente: cachopos son troncos secos de árbores. Cacidrón (O Burgo, Castro Caldelas).-- Podería referirse á arbore chamada cidrón (Citrus médica) que da as cidras, semellantes ó limón pero máis grandes. E a primeira sílaba podería ser un apócope de "casa". Cadaval (Covas, Montederramo).-- Lugar abundante en cádavos, chamiceira. (V. Cádavos) Cádavos (lug. e parroq. da Mezquita).-- Cádavos (tamén chamados chamizos) son os paus chamuscados que quedan no monte despois dun incendio. Cadeliña (lug. e parroq. de Chandrexa de Queixa).-- Segundo Caridad Arias nada que ver con cans senón cun antropónimo antigo como podería ser o lusitano Cadillo ou algún outro similar procedente, en calquera dos casos, do nome celta Cado. Cadós (lug. e parroq. de Bande) ║ Ponte Cadós (Cadós, Bande).-- É o nome do río (cadós < *cadones) que rega a parroquia e sobre o cal pasa a ponte que da nome ó segundo topónimo. Puidera ter relación con "cadoiro" (sinónimo de fervenza ou cascada), palabra formada sobre cadere, "caer". (O río Cadós desemboca no encoro das Conchas, río Limia.) Cados (lug. e parroq. de Muíños).-- Suponse que é o mesmo topónimo visto no parágrafo do anterior (do veciño Concello de Bande), pero alterando -por algunha razón- o acento prosódico. A Cal (San Lourenzo de Trives, A Pobra de Trives ║ Folgoso, Allariz ║ Torcela, Piñor) ║ Cales (Ucelle, Coles ║ Coiras, Piñor).-- Poderían ter dúas orixes, ambas latinas: 1ª) a palabra callis, "sendeiro, camiño" (étimo do castelán ‘calle’) ou 2ª) a palabra canale, "cal, canle, rego". Na 2ª referencia, fose a orixe que fose, había máis de un cando nomearon así ó sitio. Calabagueiros (lug. da parroq. e Conc. do Barco de Valdeorras).-- Este lugar foi historicamente un barrio periférico do Barco, pero hoxe está integrado no tecido urbano. No tempo dos romanos aquí houbo unha cidade romana, chamada Calubriga, de onde procede o nome actual, quizais formado indirectamente sobre un xentilicio dela (¿calubrigueiros?). As Caldas (lug., barrio e parroq. de Ourense capital ║ Partovia, O Carballiño).-- Do lat. aquas calidas > (aquas) caldas > caldas. CALDELAS (Comarca).-- Ver "Terra de Caldelas". Caldelas (Berán, Leiro).-- Derivado de "caldas" (V.), en forma de diminutivo. O lat. calda, "auga quente", hoxe, en plural, equivale a "baños de augas minerais quentes". Caldeliñas (Vilamaior do Val, Verín).-- Diminutivo do anterior, o que ven sendo un segundo diminutivo de "caldas". Cales.-- Ver A Cal. Calsomiro (lug. da parroq. e Conc. de Esgos).-- De *casale do *Miro (nome suevo). O Calvario (Ambía, Baños de Molgas) ║ Os Calvarios (Chandrexa, Parada de Sil).-- Lugares de significancia relixiosa relacionados coa práctica do culto do vía crucis. Calveliño do Monte (Santirso, Maceda).-- Hiperdiminutivo de Calvo. Quizais porque xa hai un "Calvelo" no mesmo Concello e outro cerca, en Baños de Molgas. Calve (Navío, San Amaro).-- Anque sexa rematado en 'e' en vez de 'o' ou 'a' parece que se estea a referir a un lugar pelado, sen vexetación. O étimo sería calva, -ae, "calva, cranio", pero puidera vir do nominativo plural, calvae. Hai o adxectivo calvus, a, um, "(cousa) calva, pelada" ║ A pesar de todo iso se temos en conta que o resultado non é totalmente regular e que é o único con esa forma en toda Galicia poderíase pensar nun antrotopónimo baseado nun alcume 'calvo' dun posesor. En lat. sería calvus e o xenitivo, calvi. Calvelle (parroq. do Pereiro de Aguiar).-- Topónimo que puidera estar relacionado cos de Calvo ou Calvelo, pero que máis ben parece un antropónimo. J. M. Piel atribúeo a Calvus ou Calvellus. … asy commo se estende arriba fasta aquel lugar que se parte con Calvelle et con Paaços et con Velmonte.