Dover Vega Chris Barron Eladio Y Los Seres Queridos Novedades Carminha Eme Dj
Total Page:16
File Type:pdf, Size:1020Kb
Imaxinade que unha artista de talla internacional decide devolverlle ao pequeno pobo no que naceu todo o agarimo que os seus paisanos lle brindaron. Imaxinade que decide facelo non cun simple "grazas", senón cun evento cultural exemplar e único, que sitúe no mapa da cultura ese pobo, esa comarca e, por extensión, a capacidade do medio rural para xerar propostas de futuro. Imaxinade que ese evento sexa un festival con vocación de continuidade, no que participen figuras da música e inclúa actividades para todos os públicos: concertos, gastronomía, talleres, mercado... Imaxinade que o festival contribúa a dar unha imaxe moderna do rural, un espazo para divulgar os proxectos produtivos que fan do campo un mellor lugar para vivir. Este proxecto xa é realidade. É o FESTIVAL DE LA LUZ. FESTIVAL DE LA LUZ 22 e 23 de setembro Casa natal de Luz Casal. Andabao, Boimorto A Coruña - Galicia Sábado 22 de setembro Domingo 23 de setembro LUZ CASAL ROSENDO MANOLO GARCÍA DOVER VEGA CHRIS BARRON ELADIO Y LOS SERES QUERIDOS NOVEDADES CARMINHA EME DJ Mercado de la Luz: gastronomía e mostra de innovación e iniciativas produtivas no rural. Activades para público familiar Entrada solidaria: Un día: 10 € / Dous días: 15 € (+ gastos de distribución) Só as 5.000 primeiras entradas. A entrada inclúe cámping gratuíto. A recadación doarase integramente á Asociación Española contra el Cáncer (AECC) de Galicia. Puntos de venta: Santiago: A Reixa Tenda / A Coruña: Discos Noni's / Pontevedra: Hiper Froiz / Vigo: Discos Elepé / Ourense: Peggy Records / Lugo: Don Disco / Vilagarcía de Arousa: Hiper Froiz Organiza: ZircoZine Music, Luz&Paz, Vegas Home Music Patrocina: Concello de Boimorto, Hijos de Rivera, Nova Galicia Banco, R, SGAE, Agadic e Xunta de Galicia Medios oficiais: Televisión de Galicia e Radio Galega Colabora: Tijar Fashion UN FESTIVAL COMPROMETIDO Un evento solidario, comprometido co medio rural e cunha anfitrioa de excepción. Luz Casal convídanos á súa casa natal en Boimorto para gozar dun festival único no que escoitar a artistas da talla de Manolo García, Vega, Rosendo, Dover ou a propia Luz; gozar da gastronomía e de actividades para toda a familia e coñecer as mellores iniciativas produtivas do noso medio rural. O Festival de la Luz é unha experiencia singular. A infraestrutura dun gran festival trasladada a unha pequena localidade do interior de Galicia: Boimorto. Na aldea de Andabao atópase a casa natal de Luz Casal, rodeada de campos agrícolas que, por uns días, se transformarán no escenario dunha das citas culturais máis atractivas do ano. Luz Casal é a anfitrioa de Festival de la Luz. Convídanos á súa casa a gozar da súa música e da de artistas e grupos amigos da calidade de Manolo García, Dover, Rosendo, Vega, Chris Barron (ex Spin Doctors) e moitos máis, nun cartel ao que nas próximas semanas se irán incorporando novos nomes. Pero Festival de la Luz non é só música. É un festival multidisciplinar no que teñen cabida actividades de todo tipo dirixidas ao público de todas as idades: talleres, teatro, actividades infantís e a mellor gastronomía de Galicia danse cita en Boimorto. O festival xorde dun compromiso decidido co desenvolvemento socioeconómico do medio rural, e por iso nel ten un espazo destacado o Mercado de la Luz, unha mostra das iniciativas produtivas que innovan e fomentan a calidade de vida no rural. Trátase dun mercado no que probar os mellores alimentos da nosa terra e experimentar os produtos e servizos que ofrecen as empresas do rural que apostan pola innovación, a calidade e a sustentabilidade en sectores como o agroalimentario, o turismo, as novas tecnoloxías, o medio ambiente... En liña co carácter comprometido do Festival de la Luz, toda a recadación das entradas doarase á Asociación Española Contra el Cáncer (AECC) de Galicia. A entrada solidaria costa 10€ un día e 15€ os dous días para as primeiras 5.000 entradas, e inclúe cámping gratuíto. ZircoZine Music é a promotora deste festival, encargada de transformar a casa de Luz Casal no recinto dun festival de primeira magnitude. Fundada por Luis Tosar e Farruco Castromán, ZircoZine conta con experiencia na organización e promoción de eventos musicais de gran formato como o festival Rock in Way Estrella Galicia en Santiago de Compostela e na produción de cine, con filmes como 18 comidas, Crebinsky ou Operación E, de próxima estrea. Á organización súmase Vega's Home Music, o selo da cordobesa Vega, que achega a súa capacidad innovadora na producción e xestión de contidos. Un festival que non sería posible realizar sen o apoio das entidades patrocinadoras: Concello de Boimorto, Hijos de Rivera, Nova Galicia Banco, R, SGAE, Agadic e Xunta de Galicia e los medios oficiales: Televisión de Galicia e Radio Galega. O FESTIVAL EN BOIMORTO Boimorto é un concello do interior de Galicia, situado no triángulo que forman as tres grandes cidades do norte da comunidade: Santiago de Compostela, A Coruña e Lugo. Ten 2.200 habitantes e un carácter eminentemente rural, coñecido polas súas belas paisaxes, a calidade dos seus queixos e o paso do Camiño do Norte, unha das rutas do Camiño de Santiago. Pero hai algo máis: en Boimorto naceu Luz Casal, unha artista única que hai dous anos foi nomeada filla predilecta da localidade. Na aldea de Andabao levántase a súa casa natal, nunha preciosa paisaxe característica desta zona gandeira: grandes prados e campos de cereais salpicados de árbores e aldeas. O festival celebrarase nunha parcela de 3 hectáreas que suma ás súas boas condicións técnicas para acoller o festival o feito único de que alí, na casa situada nesa leira, naceu Luz Casal. Un lugar magnífico para crear un evento acolledor. MERCADO de la Luz: EXPERIENCIAS E GASTRONOMÍA O festival quere potenciar alternativas económicas e sociais para o medio rural. En Galicia hai moitas iniciativas produtivas interesantes, grandes e pequenas, que apostan polo rural como lugar de futuro. Son iniciativas que xeran novos recursos pensados para mellorar a calidade vida no rural ou que desde este ámbito crean novos produtos e servizos para ofrecer alternativas novas para o desenvolvemento socioeconómico. Estas alternativas están a promovelas empresas, mozos emprendedores, entidades públicas e privadas que cremos que deben ter o seu espazo no festival. O Mercado de la Luz será o espazo dentro do recinto do festival destinado a que diversas empresas e entidades mostren ao público os seus produtos e servizos. Non se tratará de simples casetas expositivas: será un mercado de experiencias, no que o público poderá experimentar as propostas, probalas, testalas, aplicalas, degustalas, vivilas. No Mercado de la Luz terán cabida propostas de todos os sectores, guiadas polos principios de innovación, calidade e sostibilidade: • Gastronomía e alimentación: denominacións de orixe, produtos ecolóxicos, produtos gourmet, razas autóctonas, sistemas de produción ou comercialización innovadores... • Turismo: turismo rural, turismo activo, turismo de saúde, lecer alternativo... • Novas tecnoloxías: telecomunicacións para o rural, aplicacións informáticas, innovacións técnicas... • Enerxía e medio ambiente: enerxías alternativas, novos sistemas de aproveitamento forestal, educación ambiental... • Servizos: alternativas modernizadoras nos ámbitos da atención a persoas maiores, a educación, o lecer, a cultura... O Festival de la Luz ofrecerá ao público a oportunidade de gozar da mellor gastronomía de Galicia, cunha ampla oferta de restauración, que abarca desde a cociña máis tradicional ás propostas máis sorprendentes. Os artistas do Festival de la Luz LUZ CASAL A voz única dunha anfitrioa de excepción Di Pablo Guerrero que a voz de Luz Casal é, cando quere, áspera ou areosa, ou limpa como un fío de ouro, como unha pequena choiva que cabe na cunca dunha man. O poder dalgunhas voces radica en ir máis aló das palabras, da música, non para superporse a elas, senón para traspasalas e dotalas de novas posibilidades. A de Luz é unha desas voces, e desde logo a súa discografía avisa de que non se durmiu nos loureiros do éxito, que non vive de recordos e que está viva e en pleno proceso creativo. É, sen dúbida, unha das mellores intérpretes da historia da música española. Luz Casal abriu novos camiños para as solistas femininas en España, movéndose coa versatilidade da súa voz desde o rock dos seus primeiros discos até a homenaxe á música latinoamericana de La Pasión (2009). No seu repertorio atopamos temas que forman parte da memoria colectiva de varias xeracións, como "Te dejé marchar", "Piensa en mí", "Un año de amor", "No me importa nada", "Entre mis recuerdos" ou a súa versión do clásico "Negra sombra". Todos eles aparecen no seu recompilatorio Un ramo de rosas (2011), que repasa tres décadas de frutífera carreira. Dentro e fóra do escenario, Luz é capaz de concitar a admiración de xente de idades e procedencias moi diversas. A súa música conquistou ao público de España, Bélxica, Grecia ou Francia, que lle outorgou a Medalla das Artes e as Letras. É respectada en Iberoamérica e en directo chegou a países tan diversos como Canadá, China ou Bahrein. Pero ademais é un exemplo de superación e solidariedade pola súa maneira de enfrontarse ao cancro que se cruzou no seu camiño. Non se esquece dos que sofren por esta enfermidade e tampouco das súas orixes en Galicia nin do pobo que a viu nacer: Boimorto, do que foi declarada filla predilecta hai dous anos. Agora Luz Casal quere render unha homenaxe ao seu pobo cun festival único que gozarán xunto a grandes artistas e amigos, os veciños de Boimorto e o público chegado de Galicia e de toda España. www.luzcasal.es Os artistas do Festival de la Luz MANOLO GARCÍA Un artista de referencia para o pop español Será polas súas melodías pegadizas, polas súas traballadas letras, pola súa voz aflamencada ou por como conecta co público en directo.