Recomendación dirixida a Consellería de Política Social debido ao retraso dun servizo residencial para a atención da dependencia

Expediente: G.6.Q/4610/19

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2019

Sra. conselleira:

Nesta institución iniciouse expediente de queixa como consecuencia do escrito de …………………………. referente ao retraso dun servizo residencial para a atención da dependencia.

ANTECEDENTES

1. O escrito indícanos que ……………………. de 99 anos, cunha dependencia de grao III e con 645 euros de pensión, leva anos esperando por unha praza de residencia pública. A situación familiar é bastante deficiente para poder atendela. Levan 15 anos coidándoa na casa, “pero chegado este momento faise difícil”. Solicitan unha praza pública, xa que non poden pagar unha privada. Están en lista de espera para a provincia de , pois queren estar cerca dela. En só hai dúas residencias públicas e resultan insuficientes.

2. Ante iso requirimos información a esa consellería, que nola remitiu. O informe sinala o seguinte:

“… Primeiro. Que ………………………… con ………………, ten recoñecido o Grado III de dependencia. Por resolución de data 31/10/2018 inclúese no programa de asignación de recursos. A interesada indica só, como área xeográfica preferente para a prestación do servizo, a área de Vigo, non incluíndo polo tanto, toda a provincia de Pontevedra. A área xeográfica de Vigo comprende, de acordo co no Anexo I da Orde do 16 de abril de 2014, os concellos de: Arbo, Baiona, Cangas, A Cañiza, Covelo, , ,

Gondomar, , Moaña, , Mondariz-Balneario, Mos, , Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, , , o Rosal, , Salvaterra de Miño, Tomiño, Tui e Vigo. A Xunta de dispón dun total de 1.024 prazas públicas para maiores na área de referencia.

Segundo. O ingreso en centros residenciais efectúase de acordo co previsto na Orde do 16 de abril de 2014 polo que se regulan as condicións dos ingresos e traslados en servicios prestados no ámbito da atención á dependencia e da promoción da autonomía persoal.

De acordo co establecido no artigo 4 da Orde, unha vez que se resolva o dereito da persoa á acceder a algún dos servizos, a xestión do ingreso realizarase, en todo caso, tanto para as persoas que acceden polo Sistema para a autonomía e atención á dependencia como polo sistema de libre concorrencia, a través do Programa de asignación de recursos.

Así mesmo, o artigo 7 establece, en canto á asignación de prazas vacantes, que se levará a cabo a cabo a través do Programa de asignación de recursos, conforme aos criterios sinalados nos artigos 44 e 45 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, a excepción dos supostos de emerxencia social, aos que fai referencia o artigo 16 do decreto.

O Programa de asignación de recursos é o instrumento a través do cal se establece unha orde de preferencia para o acceso aos centros de día, noite, residencias, teleasistencia e axuda no fogar do sistema galego de servizos sociais.

De acordo co establecido no artigo 44.4 do Decreto 15/201O, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a elaboración do Programa Individual de Atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes, o programa de asignación de recursos establecerá a prelación de acceso mediante a aplicación sucesiva dos seguintes criterios: a) O maior grao e nivel de dependencia. b) A igual grao e nivel de dependencia, terase en conta a non percepción doutra prestación ou servizo do sistema para a autonomía e atención á dependencia. c) No suposto de igualdade en relación co criterio anterior, terase en conta a capacidade económica. d) No caso de igualdade en relación cos criterios anteriores, valorará a posible inexistencia de rede social de apoio. e) Se persiste a igualdade, valorarase a idade do beneficiario. f) Por último, terase en conta a data de presentación da solicitude de valoración da dependencia.

De acordo co artigo 45.2 do Decreto 15/2010, a asignación de prazas vacantes a persoas incluídas no programa de asignación de recursos en centros do sistema galego de servicios sociais deberá efectuarse a favor da persoa que se atope mellor situada dentro do programa de asignación de recursos, con respecto ao tipo de recurso e vacante de que se trate.

Tendo en conta o anterior, as circunstancias persoais a valorar da interesada e segundo as área xeográfica preferente indicada por Dona Nieves Yáñez Fernández, a interesada ocupa o seguinte posto no Programa de asignación de recursos:

-Area xeográfica de Vigo: posto número 84.”

ANÁLISE

1. Confírmase a falta de efectividade do PIA aprobado, un servizo residencial. Iso sucede a pesar de que a persoa afectada ten un grao III de dependencia, gran dependencia, polo que de acordo coa lei ten preferencia (art. 3 q) da Lei de Dependencia).

2. A persoa afectada se atopa no posto 84 da lista de agarda na área de Vigo, polo que o previsible é que continúe esperando por tempo indeterminado. Ademais, o feito de que teña un alto grao de dependencia e a pesar diso se atope nun posto retrasado na lista de agarda indica que as persoas con menos grao de dependencia e por tanto menos preferencia na atención tamén están a verse afectadas.

3. A persoa que reclamou por esta forma de actuar demanda a preservación de intereses especialmente protexidos na Constitución Española, que sinala que os poderes públicos realizarán unha política de prevención, tratamento, rehabilitación e integración das persoas con discapacidade aos que prestarán a atención especializada que requiran e ampararán especialmente para que gocen dos dereitos que este título (I) outorga a todos os cidadáns (art. 49). Como consecuencia do anterior, os poderes públicos, entre eles a Administración autonómica, teñen a obrigación principal de protexer os dereitos mencionados, segundo o establecido no artigo 53 do Texto Fundamental.

CONCLUSIÓNS

Por todo o sinalado ata agora considerase necesario, en aplicación do disposto no artigo 32.1 da Lei 6/1984, do Valedor do Pobo, facer chegar á Consellería de Política Social a seguinte recomendación:

Que con urxencia se dea efectividade ao programa de atención á dependencia aprobado para a persoa afectada, con gran dependencia e preferencia legal; e que con carácter xeral se adopten as medidas que permitan adaptar o número de prazas ofertadas á demanda aprobada mediante programas de atención (PIAs).

Agradecendo de antemán a acollida ao manifestado nesta resolución do Valedor do Pobo, recordámoslle a necesidade de que no prazo de un mes de conta a esta institución da

aceptación da recomendación formulada, no seu caso, e das medidas adoptadas para darlle efectividade, tamén no seu caso.

Ademais facémoslle saber que en aplicación do principio de transparencia, a partir da semana seguinte a data na que ditou esta resolución incluirase na páxina web da institución.

Saúdaa atentamente.

Mª Dolores Fernández Galiño Valedora do Pobo