Cubierta RAG 2009
Total Page:16
File Type:pdf, Size:1020Kb
INTERVENCIÓN NO CONGRESO “RAMÓN PIÑEIRO E GALEGUISMO”: PROCESO E CADEA DE RAMÓN PIÑEIRO. TESTEMUÑOS COÑECIDOS E DOCUMENTOS INÉDITOS Xosé Manuel Dasilva Universidade de Vigo O propósito da nosa achega ha ser, esencialmente, dar a coñecer a causa xudicial e o expediente penal de Ramón Piñeiro relacionados coa súa permanencia no cárcere entre 1946 e 1949, un dos capítulos máis transcendentais da súa biografía. Neste congreso consagrado á figura de Piñeiro, ambos os documentos han ser amosados a xeito de pri- micia, posto que os temos connosco tan só desde hai pouco máis dun mes. Esta de hoxe é, xa que logo, a súa presentación pública. Como protagonista do Día das Letras Galegas, ao longo deste ano de homenaxe a Piñeiro en varias ocasións de forma pública botouse en falta, por parte dalgúns, a posi- bilidade de consultar materiais de primeira man relativos á súa detención e ao seu paso pola cadea. En páxinas de xornal, alguén clamaba: Sabemos que Ramón Piñeiro foi detido e que foi condenado, pero descoñecemos realmente cal foi a causa da condena, que tribunal o xulgou, quen foi o avogado defen- sor [...] Ninguén viu o sumario; todo iso constitúe un verdadeiro misterio. Outra voz, en sintonía coa anterior, chamaba a atención desde a mesma tribuna periodística sobre esta lagoa: Descoñecemos aínda, no momento presente, datos fundamentais: que acusacións foron as que se lanzaron contra Ramón Piñeiro, quen foi o avogado defensor; cal o contido da sentenza […] en fin, todo o sumario da detención. As sospeitas esparexidas durante os últimos meses verbo da detención de Piñeiro realmente non son novas, todo hai que dicilo. Hai varias décadas interrogantes análo- gas enarboráronas os galeguistas de Buenos Aires, con Rodolfo Prada á cabeza, cando o conflito entre o galeguismo arxentino e o galeguismo do interior se estaba a facer máis agudo. Nun informe asinado o 8 de xuño de 1958 dirixido a estes, os dirixentes gale- guistas radicados no país americano estimaban o seguinte sobre o apresamento de Piñei- ro, invocando unha valoración anterior de Castelao sobre o mesmo suceso: 39 Nº 370 BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA Estudos e investigacións sobre Ramón Piñeiro Claro que xa Castelao non concordaba cos que, daquela, aparecían e se dirixían a el como persoeiros do galeguismo de aí. Non entendía Castelao que o galeguismo se tivese que manexar desde Madrid; e ata lamentou que un destacado, activo e bo irmán que foi encadeado en Madrid, sufrise ese martirio “non por galeguista”, senón “por andar en malas compañías”, como el dicía.1 Castelao, ao pouco de se producir a detención de Piñeiro, escribira certamente isto nunha carta aos galeguistas do interior, datada o 7 de agosto de 1946: Moito nos apenou a detención dos irmáns que estaban en Madrid. Xa tiñamos coñecimento d-elo, por Iruxo, pero coidábamos que non foran detidos por “galeguis- tas” e confiábamos en que se iñorase a saida de Santiago a París. A decir verdade, non comprendemos como se obrou tan alegremente, pois Santiago chegou a falar n-un mitin en Marsella, etc., etc. […] Nós dende eiquí observamos a imprudencia de que ahí se fai gala, pois non temos ideia de que os nosos nemigos sexan uns parvos.2 En definitiva, a detención de Piñeiro foi xa obxecto de controversia no seu momen- to, vinculada ademais á viaxe que realizara a Francia para conseguir o nomeamento dun ministro galego no goberno da República presidido por José Giral. O propio Castelao, diante da circia resposta dos galeguistas do interior polas insinuacións que deixara caer na súa carta3, demandaba nunha misiva do 30 de decembro de 1946: Prégolles que non volvan a mesturar a prisión do Segredario Político do Partido co meu nomeamento de Ministro, pois nin eu nin o cárrego que ocupo temos nada que ver con esa desgracia, como non sexa o de lamentala moito e doerme que o irmán Segredario se marchase de París sen agardar por unha carta miña que lle anunciara por telégrafo.4 Chegados a este punto, é conveniente que nos deteñamos un intre, tan sequera, para facernos unha pregunta elemental á vista da polémica que ten arrodeado a detención de Piñeiro. Tal pregunta é, nin máis nin menos, esta: ¿por que non foron exhumados ata agora a súa causa xudicial e o seu expediente penal? Non é doado atopar unha resposta, pero é posible considerar que interviñeron, cando menos, dúas razóns. En primeiro termo, houbo por unha parte os que creron na hones- tidade dos protagonistas implicados neste episodio cando fixeron o relato dos feitos. Mais, en segundo lugar, houbo por outra parte os que dubidaron desa mesma honestida- de, aínda que en lugar de encheren o baleiro que representaba a ausencia de documen- tos, decidiron mellor vivir instalados nunha especie de néboa que amparase as súas elu- cubracións. 1 Documento depositado na Fundación Penzol pertencente ao Arquivo Ramón Piñeiro. 2 Xavier Castro, ed., Castelao e os galeguistas do interior. Cartas e documentos (1943-1954), Vigo, Editorial Galaxia, 2000, pp. 341-342. 3 Dicíase no informe que os galeguistas do interior lle mandaban en novembro de 1946 a Castelao: “Ministro de Galiza. O Partido tivo o mei- rande intrés no que fora nomeado un galeguista pol-as dúas razóns principaes do valor do percedente e do que nos tería de favorecer; e de que fora vostede e non un irmán do interior pol-o cousir o galeguista mais merecente para desensolarse no devandito cárrego. Para o conquerir non reparou o Partido en sagrifizos, foi pol-o que enviou a Franza ao Segredario Político, xeira que se ben motivou o seu nomeamento rematou na pra nos ben dorosa detenzón de il e outros dous irmans” (Castro, ed., Castelao e os galeguistas…, p. 354). 4 Castro, ed., Castelao e os galeguistas…, p. 359. Nº 370 40 Estudos e investigacións sobre Ramón Piñeiro BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA ALGÚNS TESTEMUÑOS COÑECIDOS Esta pregunta que acabamos de expor é tanto máis relevante desde o momento en que recuperar os principais documentos non era, se temos que dicir a verdade, unha tarefa complicada. No subtítulo deste relatorio establécese unha nidia diferenza: por unha banda están os documentos inéditos, é dicir, a causa xudicial e o expediente penal, mais por outra banda está aquilo que cabería designar como testemuños coñecidos. Tales teste- muños son, fundamentalmente, as pistas e as informacións que poderían levar á locali- zación dos documentos, porque hai que comezar por salientar que tanto a causa xudicial como o expediente penal de Piñeiro estaban nos lugares onde previsiblemente tiñan que estar, o primeiro no Archivo General Histórico de Defensa e o segundo no Archivo General del Ministerio del Interior, ambos en Madrid. Ou sexa, ningunha man negra endexamais os fixera desaparecer. ¿Cales son, en concreto, eses testemuños coñecidos? Pois, inicialmente, hai que dis- tinguir as fontes primarias, isto é, os materiais directamente vinculados a Piñeiro que proporcionan noticias diversas. Así, debemos lembrar o libro de memorias Da miña acor- danza5, mesmo sen deixar de ter en conta o peculiar proceso de elaboración desta obra. Tamén están as cartas dirixidas por Piñeiro desde a cadea a Isabel Algarra, esposa de Ben-Cho-Shey, e a correspondencia con Francisco Fernández del Riego. En calidade de fontes primarias, é imprescindible mencionar, ademais, algunhas entrevistas, como por orde cronolóxica a incluída no volume de Sergio Vilar titulado Protagonistas de la España democrática. La oposición a la dictadura 1939-1969, que viu a luz en 19686, e a que figura no libro Unha ducia de galegos, de Víctor F. Freixanes, publicado en 19767. Entre as fontes primarias, resulta obrigado inserir tamén a abundante docu- mentación concernente ao Partido Galeguista, custodiada de forma valente por Fer- nández del Riego e editada por Xavier Castro na colectánea Castelao e os galeguistas do interior. Xa no que atinxe ás fontes secundarias, cómpre referir de comezo o libro Por la libertad, editado en 1956, do anarquista Juan García Durán8, procesado na mesma causa xudicial que Piñeiro, onde hai datos valiosos referidos á súa detención e ao consello de guerra subseguinte. Nesta obra de García Durán faise alusión, por exemplo, ao xurídico militar que defendeu a maioría dos procesados, entre eles Piñeiro, de nome Valentín Nuñez Losada. Dentro das fontes secundarias, é indispensable sinalar igualmente o volume El movi- miento clandestino en España 1939-1949, que saíu do prelo en 1976 escrito por outro anarquista, Juan Manuel Molina Mateo, xulgado no mesmo procedemento. Nas páxinas 5 Ramón Piñeiro, Da miña acordanza. Memorias, Vigo, Fundación Caixa Galicia – Editorial Galaxia, 2002. 6 Sergio Vilar, Protagonistas de la España democrática. La oposición a la dictadura 1939-1969, París, Ediciones Sociales, 1968. Existe outra edi- ción con título diverxente: La oposición a la dictadura. Protagonistas de la España democrática, Barcelona, Ayma, 1976. 7 Víctor F. Freixanes, Unha ducia de galegos, Vigo, Editorial Galaxia, 1976. 8 Juan García Durán, Por la libertad. Como se lucha en España, México, Ediciones CNT, 1956. Prólogo de Pedro María de Irujo. Hai unha ver- sión en galego: Pola liberdade. A loita antifranquista de Luis Costa, Vigo, Edicións A Nosa Terra, 2001. Prólogo de María Xosé Costa Alcalde e notas de Dionisio Pereira. 41 Nº 370 BOLETÍN DA REAL ACADEMIA GALEGA Estudos e investigacións sobre Ramón Piñeiro desta obra, alén doutros contidos notables, trabscríbese un testemuño de sentenza do propio Molina Mateo, no cal se fai mención expresa a Piñeiro así como a Cesáreo e Camilo Saco e Koldo Mitxelena, identificándose a súa causa xudicial co nº 135.587. A derradeira fonte secundaria digna de atención é o catálogo elaborado con motivo dunha exposición que se dedicou a Koldo Mitxelena, organizada pola Deputación de Gipúzkoa, en 19979.