Ferramentas En Software Libre De Reprodución De VIDEO Kmplayer
Total Page:16
File Type:pdf, Size:1020Kb
Ferramentas en Software Libre de reprodución de VIDEO KMPlayer (Reprodución) As ferramentas de vídeo O manexo de vídeos precisa, habitualmente, varias ferramentas para levar a cabo as necesidades de traballo que nos poidan xurdir: reproducir películas, editar os nosos propios vídeos, gravar un DVD para ver na televisión... Para todas estas necesidades, existen ferramentas de software libre que nos achegan solucións óptimas. Nos próximos apartados traballaremos algunhas destas ferramentas: Edición: se precisamos editar o vídeo (cortar ou unir fragmentos, substituír audio...) teremos que botar man dunha ferramenta de edición de vídeos. Para isto, empregaremos OpenShot. Reproducir vídeo: un reprodutor non permite editar, simplemente veremos e escoitaremos o vídeo. Para isto, empregaremos KMPlayer. Gravar vídeo: para poder ver vídeos nun reprodutor estándar de DVD, usaremos o programa de gravación K3B. Converter formatos: a multitude de formatos de vídeo actuais obriga, en ocasións, a ter que convertelos; por exemplo, se queremos adaptar un vídeo para poder velo no noso móbil, precisaremos o Mobile Media Converter. KMPlayer KMPlayer é un reprodutor multimedia que pode reproducir, entre outros, os seguintes formatos: VCD, DVD, AVI, MKV, OGG Theora, OGM, 3GP, MPEG-1/2/4, WMV, RealMedia, e QuickTime. KMPlayer posúe moitas opcións, como, por exemplo, a posibilidade de reproducir máis rápido ou máis lento un vídeo, seleccionar unha parte do vídeo como favorita ou cambiar a aparencia do KMPlayer dependendo do tipo de ficheiro que se estea reproducindo. KMPlayer é ideal para reproducir calquera tipo de ficheiro de vídeo, incluso se o vídeo está on line (stream) xa que permite ir visualizándoo aínda que non rematase a descarga completa. Ao abrilo, obtemos a seguinte ventá: En Abrir, podemos navegar polos nosos cartafoles e acceder ao vídeo que desexamos visualizar. Tamén podemos crear unha lista de reprodución onde colocar unha secuencia de vídeos para ver de xeito continuo. Tanto na barra de ferramentas como na parte inferior podemos atopar os botóns habituais de reprodución, pausa, parada, etc. Créditos Este material foi elaborado por AGASOL a través das empresas Tagen Ata e Tegnix co financiamento da Xunta de Galicia ao abeiro do Convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL) para a realización de actividades de difusión e de formación para promover a escola Abalar. Esta obra está baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento-CompartirIgual 3.0 Unported. .