O Creador Do Cartaz Rami…Patapum! Ramiro Rodríguez Domingo
Total Page:16
File Type:pdf, Size:1020Kb
O CREADOR DO CARTAZ RAMI…PATAPUM! RAMIRO RODRÍGUEZ DOMINGO As e os que o coñecemos sabíamos que ninguén mellor que Rami para transmitirnos a ener- xía de Pardiñas coas formas, as cores e a palabra... É un artista total porque todo o que toca e fala está ateigado dunha emoción que só un creador tan autentico pode comunicar, coma pode- mos ler nestas palabras súas: “Que me propuxeran facer o cartel de Pardiñas, foi para min algo realmente especial… Teño que recoñecer que ata me puxen un pouco nervioso pensando se sería quen de reflexar o que para min, para nos é Pardiñas…e que vos gustara! Eu levo dende o ano 2.000 disfrutando cada agosto desa sensación de ter ganas de que chegue…, e que pronto pasou!! Estes días ao buscar algunha foto dinme conta de que moita da familia da vida que me segue acompañando a coñecín en Pardiñas… e que este festival se converteu sen decilo nun lugar onde por moi desperdigados que andemos sempre nos reen- contramos, e de verdade que é un alegrón… Levo tantos anos coma eses pintando sobre moitos materiais, ultimamente sobre tea. Pinto con pincel e decoro as prendas que eu mesmo deseño, con outras teas e materiais para buscar diferentes testuras, volumen, feituras… E como o meu é pintar…é un pracer ter pintado o cartel de Pardiñas deste ano onde tentei resumir o que para min xira en torno ao festival dos sons e a xente. Moito ánimo aos que estades aí detrás poñendo moita, moita enerxía, xa que o difícil non é comezar un proxecto senon que perdure no tempo”… Un saudo…..Rami…Patapum! facebook @patapumtatacom 2 PREGÓN DE PARDIÑAS 2016 por Mini e Mero “Vós, ben o vedes” por Mero Iglesias Pouco rollo se precisa para poñer en valor O FESTIVAL DE PARDIÑAS que hoxe celebramos no seu día máis grande, chega con saber dos seus protagonistas de dos seus históricos alentadores, esa xeografía humana que xa por sempre estará aquí confabulándose con nós e coa mesma paisaxe: Anisia Miranda e Neira Vilas, Antía Cal, Avelino Pousa Antelo, O Paco Martín, O Xabier P. Docampo, Marica Campo, Agustín Fernández Paz –tristemente lembrado e botado hoxe en falta, que hai pouco habita a dimensión das nostalxias e por nós sempre será evocado sobre todo por afirmar que o máis importante e o que prevalecerá por riba de todo é o amor-, Bernardino Graña, Xosé Estévez, Darío Xohán Cabana, Os filipes Senén e Arias, O Vázquez Pintor, Xosé Lois… e tantas e tantos outros, pero tamén aqueles que nunca constan e que botan unha man á realización de todo este festexo da Cultura, refírome aos que traballan na sombra (Lino, Mª José, Pedro, Suso, Mónica, Martiño, Pili, os da Asoc. de Gaiteiros e moitos máis que farían unha longa lista non exenta de esquecementos). E como non, tamén os chairegos máis célebres que patearon estas mesmas carballeiras e camposas, aí están Xosé María Díaz Castro, natural destes eidos e O Manuel María de Outeiro de Rei, cantores da Cha inmensa que a todos nós aínda nos habita, medidores das esencias dunha Matria que estremece, ben sabedes, en ferrados de corazón e fanegas de alma, segundo Manuel María ou –como diría Díaz Castro- “Nun mar de terra verde onde, por veces, se anegan as mañás. 3 Esta é a Terra Cha, onde outean eles dous coma dous tordos invisibles que están chía que chía, relatando soños en poemas e alentando as emocións máis necesarias. “ Cantando sería así: ...Vaise arrastrando a aurora sobor da Terra Cha, sobor da Terra Cha vaise arrastrando a aurora. Nun mar de terra verde anégase a mañá. Dous tordos invisibles están chía que chía, unha manta de néboa quere afogar o día. E van caendo espidas, unha que outra mazá. Nun mar de terra verde anégase a mañá. E céibanse a voar tras dunha noite fría, cheos de orballo os versos do gran Manuel María, ...e céibanse a voar, tras dunha noite fría”. Neste percorrido pola xeografía humana, non podemos esquecer ao motor desta iniciativa, ao dinamizador máximo e principal deste evento. Estou a falar de Alfonso Blanco Torrado, quen todos os anos dá a vida por aplicarlle o seu don de xenerosidade e sabedoría, á Cultura en letras grandes materializando este Festival que ben podería –como outros- quedarse tan só en ser un expositor de protagonismos –que con maior ou menor sorte artística e musical- chegados de aquí ou doutras paisaxes lonxincuas, fabrican os mitos de laboratorio e elevado custo, para facer un espectáculo máis. Non, Alfonso, quixo que aquí en Pardiñas “todos fósemos protagonistas” da vida e do festexo , da ledicia, da honra e orgullo. E faino con xente da nosa, fundamentalmente, abrindo porvir para as lembranzas, desde actos irrepetibles que non acompañarán sempre, na emoción de sentirnos nós, matando as soidades non desexadas coa man amiga, no encontro feliz das artes todas, e da confluencia en Irmandade. E nós con el, celebrándonos e gardando memoria de tantas e tantos, nenas, mozos e maiores que aquí se senten arroupados pola cósmica paisaxe da Nosa Terra irrepetible. Así o contaba Manuel María nos seus versos: 4 Cantar a Canción de “Verbas a un irmao” “Escoita irmao as miñas verbas, son sinxelas e impuras, como as verbas feridas, co coitelo dos beizos, cada día. Escoita irmao as miñas verbas, vouche dicir tan só que teño a miña man tendida aberta, núa e viva como o mar. Que teño irmao maduro o corazón, pra gardar nel as verbas túas. Que a vida é moi fermosa aínda que hai homes que teñen os beizos emporcados, con verbas de falsía. Non temas, aínda o paxaro ten cancións e as estrelas se acenden cada noite” Por iso debemos e deberemos ser conscientes da nosa sorte, reconfortarnos na ledicia de ser como somos, e mellorar na ansia de sabernos satisfeitos, do orgullo desta Lingua que nos dignifica, que nos embarga e posibilita únicos e singulares, protagonistas desta Terra, destas festas que nos convocan todos os anos. E nesta consciencia colectiva que nos xungue, todos xuntos deberemos tirar do “Carro”, para non caer en ningún esquecemento ou na preguiza, permanecendo firmes nos dereitos que nos corresponden. Farémolo cantando ou berrando, esixindo sen violencias, coa razón e a verdade por bandeira, aloumiñando as verbas con aquel canto do Manuel María, no libro poemario “Terra Cha”: Canción de “O Carro”: “Non canta na Cha ninguén, por iso meu carro canta..., canta o seu eixo tan ben, que a señardade me espanta!” ... Ten que ser un carro no que todos vaiamos, decididos de preservar este tesouro que temos, esta posesión humilde pero grandiosa dos nosos pobos, da nosa xente, da nosa fala, da nosa Cultura, da paisaxe e dos recursos naturais de extraordinaria beleza que os asisten, que nos acollen e nos conforman como somos. Sen esquecer que non debemos deixarnos levar na deixadez. Pola contra, debemos estar vivos e moi activos, xuntos nesa loita común pola Dignidade, nese “Berro Seco” que espante os demos ou os faga fuxir. Deberemos facernos respectar e acadar así a propiedade de nós, do noso. Non debemos prevalecer quedos e, moito menos, diante do abuso e da inxustiza. É tempo de non dar nin un paso atrás, nin un! Canción de “Penélope”: Un paso adiante e outro atrás, Galiza, e a tea dos teus soños non se move, A espranza nos teus ollos se espreguiza: aran os bois e chove! Un bruar de navíos moi lonxanos, che estrolla o sono mol como unha uva Pro ti envólveste en sabas de mil anos e en sonos, volves a escoitar a chuva.... Traguerán os camiños algún día a xente que levaron, Deus é o mesmo Suco vai, suco vén, Xesús María, e toda cousa ha de pagar seu desmo. Desorballando os prados coma soño, o tempo vai de Parga a Pastoriza Vaise enterrando, suco a suco, o outono. Un paso adiante e outro atrás, Galiza”. 5 Nesta irmandade que nos convoca de novo en Pardiñas, seguiremos a falar da Paz no medio de tanta guerra e abuso, da Luz en medio de tanta sombra e escuridade, aínda sabendo que moitos aproveitarán para castigar ao marxinado e ao caído. Aínda así, recuperaremos o sorriso gratificado, ese mesmo que nace na loita e no esforzo de cada día, aínda na dor e na tristura aceda, sen rendernos ao feliz destino que agarda, cabalgando esperanzas e satisfeitos desta pertenza, desta irmandade que nos conxenia e conxuga donos de nós, recreándonos no consciente pracer de sabernos fillos desta Lingua, desta Arte, desta Música, desta Patria. Felices de ser quen somos! Cantemos, bailemos, desfrutemos de nós e do Noso, soñemos... esta Matria, por fin liberada e que un día será certa en propiedade! Así para rematar, celebremos cantando e bailando xuntos “A RUMBOIA”. Axudade co: “Federico Antón, Federico Antón, marcha mañana. Federico Antón, Federico Antón para La Habana”... GRAZAS POLA ESCOITA, POLA RESISTENCIA E POLA LOITA. Baldomero Iglesias (Mero) INTERVENCIÓN DE MINI RIVAS: Terras de Guitiriz Witericus, de Wite nome propio de orixe sueva e ricus xermánico rico, noble, poderoso. (Mariz, Buriz, Romariz, Anxeriz, Recemil,...) todos eles topónimos da zona que marcan un importante poboamento suevo. Gallaecia, século V, primeiro reino europeo que se consolida aínda co Imperio romano e que se estende por media Península. Que practicamente non coñece a invasión árabe por ser zona aliada de influencia vitizana. O rei Miro de Lugo que ocupa un destacado lugar nas iras en forma de libros de consellos do moralista Martiño de Dume, azoute do priscilianismo. O castelo de Aranga posiblemente desta época e que foi necesariamente destruído e que pasa logo de mau en mau como herdade, coa prohibición de non ser reconstruído por ter sido cova de ladróns ( que hoxe serían dos de guante branco que tanto abondan) e niño de sarillos pra aqueles reis que pouco mandaban.