Edita Instituto da Lingua Galega Universidade de Santiago de Compostela Praza da Universidade, 4 15782 Santiago de Compostela A Coruña Correo electrónico:
[email protected] Páxina web: http://ilg.usc.es/ Teléfonos +34 8818 12810 +34 8818 12802 Fax +34 81572770 Universidade de Santiago de Compostela, maio de 2011 Limiar Esta memoria recolle o labor realizado polo Instituto da Lingua Galega ao longo do ano 2010, xunto co informe de ingresos e gastos nesa anualidade. Como é preceptivo, foi presentada perante a Xunta de Goberno, que a aprobou por unanimidade en sesión celebrada na sede do ILG o día 19 de maio de 2011. Coincide esta presentación coa conmemoración do 40 aniversario do Instituto da Lingua Galega e por iso ten para todos nós unha significación especial. Naquela primavera de hai corenta anos, o día 14 de maio de 1971, anunciouse publicamente a creación do Instituto da Lingua Galega, na Universidade de Santiago de Compostela. Na semana precedente, arroupándoo, celebrárase un ciclo de conferencias sobre filoloxía galega, con importantes figuras da romanística e das filoloxías hispánica e portuguesa, e mais a presentación do método Galego 1. A acta fundacional, que contén os primeiros estatutos, é de 26 de xullo de 1971. Da mesma data é o primeiro padroado, integrado por Manuel García Garrido (Reitor), Constantino García González (Cate- drático de Filoloxía Románica, que sería nomeado Director), Manuel Díaz y Díaz (Catedrático de Filoloxía Latina, Subdirector), Ricardo Carballo Calero (representante do Centro de Estudios Fingoi, Secretario), Xosé F. Filgueira Valverde (representante do Instituto Padre Sarmiento), Marino Dónega Rozas (represen- tante da Real Academia Galega), Xerardo Fernández Albor (representante da Fundación Penzol), Xoaquín Arias Díaz de Rábago (representante da Fundación “Pedro Barrié, Conde de Fenosa”) e Ramón Otero Túñez (Decano da Facultade de Filosofía e Letras).